Interior Galego Vivo ponse en marcha como plataforma aberta para a defensa das comarcas do interior galego

Na primavera de 2020, celebrarase en Folgoso do Courel a IIIª Asemblea da Plataforma

996
0
Compartir
Publicidad

A IIª Asemblea de IG-Vivo, celebrada o 21 de decembro en San Xoán de Río, fixou eixos de traballo para os vindeiros meses. Interior Galego Vivo ponse en marcha así como plataforma aberta para a defensa da vida digna nas comarcas interiores galegas, constituíndose como plataforma aberta a candidaturas municipalistas, asociacións, colectivos e persoas a título individual, coa premisa de loitar por un rural e interior galego onde vivir diga e sostiblemente. A plataforma non contará, de momento, de estruturas ríxidas nin estatutos, mais si cun grupo de coordinación – xa activado – e funcionará mediante o establecemento de grupos de traballo sectoriais e fixación de obxectivos concretos.

A Plataforma combina a proposta de alternativas, con denuncias, accións directas ou xornadas formativas, sendo unha rede de apoio mutuo entre candidaturas e sociedade civil destes territorios, coa vontade de deixar de sermos colectores pasivos aos que se lles impoñen debates e tempos para sermos axentes activos que producen alternativas desde e polo noso recuncho de País.

Entre os temas abordados na IIª Asemblea de IG-Vivo acordáronse as seguintes liñas de traballo.

Facer partícipe á sociedade civil das figuras de protección e distintivos en curso (Reserva da Biosfera, candidatura Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade) e que estas protexan realmente o medio e o Patrimonio e non entorpezan as actividades tradicionais sostibles

A este respecto, fomentarase a divulgación das figuras de protección entre a cidadanía, esixirase transparencia e participación da sociedade civil no deseño dos plans para a zona, reivindicaranse alternativas produtivas no territorio máis aló do turismo masivo sen planificar e esixindo unha política de vertebración territorial, así como a necesidade de potenciar os sectores produtivos primarios.

Desenvolvemento dun transporte colectivo axeitado ás necesidades do medio rural

Insistirase na proposta achegada por varias candidaturas de taxis compartidos bonificados para atender as necesidades de mobilidade de viaxeiras nas parroquias máis pequenas e dispersas.

Impulso e apoio ás Comunidades Veciñais de Montes en Man Común

Fronte á vontade de privatización da xestión, impulsada pola Xunta, contribuirase á divulgación e apoio ás comunidades veciñais para a xestión do monte, apostando por actividades xeradoras de postos de traballo e conservadoras do medio. A este respecto, celebrarase en Chantada unha xornada formativa en xaneiro.

Estudo de alternativas de desenvolvemento a nivel rexional

Estudaranse modelos europeos aplicados para o desenvolvemento de zonas despoboadas rurais, como o das Terras Altas de Escocia, para analizar a súa viabilidade aquí, entendendo que é imprescindible para iso outro marco enerxético, contrario á depredación actual do territorio por parte das empresas eléctricas.

Proposta de medidas para mellorar a información do Catastro e evitar os valores non acordes á situación socioeconómica do rural

Crearase un grupo de traballo para evidenciar os erros do Catastro e a necesidade de mudar a lei para permitir máis exenccións e garantir uns valores catastrais e fiscais acordes á realidade dos concellos rurais, fronte á actual sangría que para moitas familias supón o pago do IBI, analizando, tamén, a necesidade de que os concellos dispoñan de oficinas de información sobre este tema.

Solicitarase á Deputación de Ourense que impulse un Plan Único de investimentos

Trasladarase á Deputación de Ourense que se impulse un modelo de Plan Único para a fixación dos investimentos nos Concellos, ao xeito das demais deputacións galegas, para rematar coa arbitrariedade e inxustiza territorial no reparto de fondos.

Apoio á mobilización de xaneiro na defensa dos hospitais comarcais e contra o peche do paritorio de Verín

As candidaturas de IG-Vivo defenden uns hospitais comarcais con todos os servizos e, consecuentemente, as áreas sanitarias suprimidas, ademais de posicionarse en contra do peche da unidade de partos de Verín. A este respecto, elaborarán unha moción para os Plenos municipais en xaneiro, coincidindo coa mobilización a prol dos hospitais comarcais.

Defensa de condicións laborais dignas no Servizo de Axuda no Fogar e ampliación do servizo para cubrir as necesidades

As candidaturas observan problemas comúns do SAF, tanto a nivel de condicións laborais desiguais e precarias como a falta de horas e de bolsa de emprego para prestar o servizo necesario. As candidaturas elaborarán un dossier sobre o estado do SAF dos seus concellos e as conclusións trasladaranse a Xunta e FEGAMP, buscando facer unha proposta alternativa de xestión mancomunada deste servizo.

Traballarase na consideración de emerxencia climática e en medidas para un horizonte sen carbono

Ademais de declarar a emerxencia climática e implementar medidas que reduzan as emisións de CO2, consideramos que as cotas do carbono non se deben poxar a nivel global sen ter en conta a contribución de cada terrritorio; deste xeito, o carbono fixado no noso territorio non debería saír de aquí.

Analizarase o Proxecto de lei de Ordenación do Territorio de Galicia e faranse achegas ao Parlamento

Na vindeira xuntanza que se celebrará no Courel na primavera de 2020, ademais de avaliar o grao de desenvolvemento dos temas abordados na asemblea de San Xoán de Río, trataranse os seguintes temas: erros do catastro e propostas de mellora, emerxencia climática, Comunidades de Montes, nova PAC e desmantelamento das oficinas comarcais, así como dereito ás telecomunicacións e internet no rural.